Por que somos marxistas? Galician Share TweetPasaron dúas décadas dende que Francis Fukuyama publicase un libro titulado O Fin da Historia e o Ultimo Home, proclamando o triunfo definitivo da economía de mercado e a democracia burguesa. Esta idea parecía ser confirmada por case 20 anos de mercados á alza e un crecemento económico practicamente ininterrompido. Políticos, banqueiros dos bancos centrais e xerentes de Wall Street estaban convencidos de que finalmente domesticaran o ciclo económico de booms e depresións.Agora, dúas décadas despois da caída da URSS, non queda pedra sobre pedra das ilusións da burguesía. O mundo está a experimentar a crise máis profunda dende a década de 1930. Fronte a unha situación catastrófica a escala mundial, a burguesía de EE.UU., Europa e Xapón están en estado de pánico. Nos anos 30, Trotsky dixo que a burguesía estaba "a se deslizar ao desastre cos ollos pechados". Esas palabras son aplicables con precisión á situación actual, poderían ser escritas onte.Durante o últimos vinte anos, os economistas burgueses gabáronse de que non habería máis booms e depresións, que os ciclos foran abolidos. É un feito real que durante décadas os economistas burgueses nunca predixeron un só boom ou unha soa depresión. Elaboraran unha nova marabillosa teoría chamada "hipótese do mercado eficiente". En realidade non hai nada novo respecto diso, equivale á vella idea de: "Deixado ao seu aire, o mercado resolverao todo. El só equilibrarase. A condición de que o goberno non interfira, antes ou despois todo estará ben". Ao cal, John Maynard Keyness emitiu a soada resposta, "A longo prazo, todos estamos mortos".Na primeira década do s.XXI, é cada vez máis evidente que o capitalismo esgotou o seu potencial progresista. En troques de desenvolver a industria, a ciencia e a tecnoloxía, as socava constantemente. As forzas produtivas se estancan, péchanse fábricas coma se fosen caixas de mistos, e millóns son botados do traballo. Todos estes son síntomas que mostran que o desenvolvemento das forzas produtivas nunha escala mundial ha ir máis aló dos estreitos límites da propiedade privada e do Estado nacional.Esa é a razón fundamental da crise actual, a cal espuxo a bancarrota do capitalismo no sentido máis literal da palabra. A difícil situación de Irlanda e Grecia proporciona a confirmación gráfica do estado de enfermidade do capitalismo europeo. Mañá o contaxio estenderase a Portugal e España. Pero Gran Bretaña e Italia non están moi por detrás, e Francia, Alemaña e Austria seguiranlles inexorablemente na súa tendencia á baixa.Os economistas e políticos burgueses e, sobre todo, os reformistas, están desesperadamente a buscar algún tipo de reactivación para saíren desta crise. Eles miran ao restablecemento do ciclo económico como a salvación. Os líderes da clase traballadora, os líderes sindicais e os líderes socialdemócratas cren que esta crise é algo temporal. Imaxinan que pode ser resolta facendo algúns axustes ao sistema existente, que todo o que se necesita é máis control e regulación, e que podemos volver ás condicións anteriores. Pero esta crise non é unha crise normal, non é temporal. Marca un punto de inflexión fundamental no proceso, o punto no que o capitalismo chegou a un caleixón sen saída histórico. O mellor que se pode esperar é unha débil recuperación, acompañada por un alto desemprego e un longo período de austeridade, recortes e caída dos niveis de vida.A crise da ideoloxía burguesaO marxismo é en primeiro lugar unha filosofía e un punto de vista sobre o mundo. Nos escritos filosóficos de Marx e Engels non atopamos un sistema filosófico pechado, senón unha serie de brillantes puntos de vista e consellos, os cales, se fosen desenvolvidos, proverían unha valiosa adición ao arsenal metodolóxico da ciencia.En ningún sitio está máis clara a crise ideolóxica da burguesía que no campo da filosofía. Nas súas primeiras etapas, cando a burguesía representaba o progreso, era capaz de producir grandes pensadores: Hobbes e Locke, Kant e Hegel. Pero na época da súa decadencia senil, a burguesía é incapaz de producir grandes ideas. De feito, é incapaz de producir ningún tipo de ideas.Xa que a burguesía moderna é incapaz de audaces xeralizacións, nega o concepto mesmo de ideoloxía. Por esa razón o discurso postmodernista fala do "fin da ideoloxía". Negan o concepto de progreso simplemente porque baixo o capitalismo non é posible un progreso superior. Engels escribiu unha vez: "A filosofía e o estudo do mundo actual teñen a mesma relación que o onanismo e o amor sexual". A filosofía burguesa moderna prefire a primeira á segunda. Na súa obsesión por combater o marxismo, arrastrou á filosofía de volta ao peor período do seu antigo, desgastado e estéril pasado.O materialismo dialéctico é unha visión dinámica da comprensión do funcionamento da natureza, a sociedade e o pensamento. Lonxe de ser unha idea pasada de moda do s.XIX, é unha visión sorprendentemente moderna da natureza e a sociedade. A dialéctica elimina a forma fixa, ríxida e exánime de mirar as cousas que era característica da antiga escola mecánica da física clásica. Mostra que baixo certas circunstancias as cousas poden volverse no seu contrario.A noción dialéctica de que a acumulación gradual de pequenos cambios pode, nun momento crítico, transformarse nun xigantesco salto, recibiu unha notable confirmación na moderna teoría do caos e as súas derivadas. A teoría do caos terminou co tipo de estreito determinismo mecanicista reducionista que dominou a ciencia durante máis de cen anos. A dialéctica marxista é unha expresión do século XIX sobre o que a teoría do caos expresa agora matematicamente: a interrelación das cousas, a natureza orgánica das relacións entre as entidades.O estudo de transicións de fase constitúe unha das áreas máis importantes da física contemporánea. Hai un número infinito de exemplos sobre o mesmo fenómeno. A transformación da cantidade en calidade é unha lei universal. No seu libro, Ubiquity, Mark Buchanan mostra isto a través de fenómenos tan diversos como ataques ao corazón, avalanchas, incendios forestais, o aumento e caída de poboacións animais, crises bolsistas, guerras e, mesmo, mediante cambios na moda e as escolas de arte. Aínda máis asombroso, estes acontecementos poden expresarse mediante unha fórmula matemática coñecida como unha lei de potencias.Estes notables descubrimentos foron anticipados fai moito por Marx e Engels, os cales puxeron a filosofía dialéctica de Hegel sobre unha base racional (isto é, materialismo). Na súa Lóxica (1813) Hegel escribiu: "Converteuse nunha broma común na historia deixar que grandes efectos xurdan de pequenas causas". Isto foi moito antes de que se ouvise falar do "efecto bolboreta". Do mesmo xeito que os terremotos ou as erupciones volcánicas, as revolucións son o resultado da lenta acumulación de contradicións durante un longo período. O proceso finalmente alcanza un punto crítico no que se produce un salto repentino.Materialismo históricoTodo sistema social cre que representa a única forma posible de existencia para o ser humano. Que as súas institucións, a súa relixión e a súa moralidade son a última palabra que pode ser dita. Isto é o que os caníbales, os sacerdotes exipcios, María Antonieta e o Tsar Nicolás fervientemente creron. E iso é o que Francis Fukuyama quería demostrar cando nos asegurou, sen o menor fundamento, que o chamado sistema de libre empresa é o único sistema posible, xusto cando está a empezar a afundirse.Da mesma maneira que Charles Darwin explica que as especies non son inmutables, e que posúen un pasado, un presente e un futuro, cambiando e evolucionando, Marx e Engels explican que un sistema social dado non é algo eternamente fixo. A analoxía entre a sociedade e a natureza é, por suposto, só aproximada. Pero mesmo o exame máis superficial da historia mostra que a interpretación gradualista carece de base. A sociedade, do mesmo xeito que a natureza, coñece longos períodos de cambio lento e gradual, pero mesmo aquí a liña é interrompida por avances explosivos: guerras e revolucións, nas cales o proceso de cambio é enormemente acelerado. De feito, son estes acontecementos os que actúan como o motor principal do desenvolvemento histórico.A causa principal dos cambios revolucionarios é o feito de que un sistema socio-económico particular acadase os seus límites e sexa incapaz de desenvolver as forzas produtivas como antes. O marxismo analiza os motivos principais que xacen tras o desenvolvemento da sociedade humana desde as máis temperás sociedades tribais até o día de hoxe. A concepción materialista da historia permítenos entender a historia non como unha serie de incidentes inconexos e imprevistos, senón máis ben como parte dun proceso comprendido e interrelacionado claramente. Son unha serie de accións e reaccións que cobren a política, a economía e todo o espectro do desenvolvemento social.A relación entre todos estes fenómenos é unha relación dialéctica complexa. Moi a miúdo fanse intentos de desacreditar ao marxismo recorrendo a unha caricatura do seu método de análise histórica. A distorsión común é que Marx e Engels "reduciron todo á economía". Esta patente absurdidade foi contestada en moitas ocasións por Marx e Engels, como no seguinte extracto da carta de Engels a Bloch:"Segundo a concepción materialista da historia, o factor que en última instancia determina a historia é a produción e a reprodución da vida real. Nin Marx nin eu afirmamos nunca máis que isto. Se alguén o terxiversa dicindo que o factor económico é o único determinante, converterá aquela tese nunha frase vacua, abstracta, absurda".O manifesto comunistaO libro máis moderno que un pode ler hoxe é o Manifesto do Partido Comunista, escrito en 1848. Certo, tal ou cal detalle debería ser cambiado, pero en todo o fundamental, as súas ideas son tan relevantes e certas hoxe como cando foron escritas por primeira vez. Pola contra, a inmensa maioría dos libros escritos hai século e medio son hoxe dun mero interese histórico.O que máis choca do Manifesto é a forma na cal anticipa os fenómenos fundamentais que ocupan a nosa atención a escala mundial na actualidade. Vexamos un exemplo; na época na que Marx e Engels estaban a escribir, o mundo das grandes empresas multinacionais era aínda a música dun futuro moi afastado. A pesar disto, eles explicaron como "a empresa libre" e a competencia levarían inevitablemente á concentración do capital e á monopolización das forzas produtivas.É francamente cómico ler o dito polos defensores do "mercado" en canto aos supostos erros de Marx nesta cuestión, cando en realidade foi unha das súas máis precisas, brillantes e acertadas predicións. Hoxe é totalmente indiscutible que o proceso de concentración de capital previsto por Marx ocorreu, está a ocorrer e, de feito, acadou cotas sen precedentes no curso do últimos dez anos.Durante décadas, os sociólogos burgueses tentaron refutar estas afirmacións e "demostrar" que a sociedade se estaba volvendo máis igualitaria e que, consecuentemente, a loita de clases era tan anticuada como o tear manual e o arado de madeira. A clase obreira desaparecera, dicían, e todos eramos clase media. En canto á concentración do capital, o futuro estaba coa pequena empresa, e "o pequeno é belo".Que irónicas soan estas afirmacións hoxe! A economía do mundo enteiro está agora dominada por non máis de 200 compañías xigantes, a gran maioría das cales están baseadas en USA. O proceso de monopolización acadou proporcións sen precedentes. No primeiro trimestre de 2006 as fusións e as adquisicións en USA ascenderon a 10.000 millóns de dólares ao día. Esta fervente actividade non significa un desenvolvemento real das forzas produtivas, senón o contrario. E o ritmo da monopolización non diminúe, senón aumenta. O 19-20 de novembro de 2006, o valor das fusións e as adquisicións en USA ascenderon á marca de 75.000 millóns de dólares, en só 24 horas! As absorcións ou OPAs (Oferta Pública de Adquisición) son un xeito de canibalismo empresarial que é inevitablemente seguido da liquidación de activos, o peche de fábricas e despedimentos ?isto é, a destrución masiva e gratuíta dos medios de produción e o sacrificio de miles de postos de traballo no altar do beneficio?.Ao mesmo tempo, hai un incremento constante da desigualdade. En todos os países, a proporción dos beneficios na renda nacional está nun nivel récord, mentres que a proporción dos salarios está nun mínimo histórico. O verdadeiro segredo do auxe actual é que os capitalistas están a sacar cantidades récord de plusvalía da clase traballadora. En EE.UU., os traballadores están a producir de media un terzo máis que fai dez anos, aínda que os salarios reais téñense estancado ou caído en termos reais. Os beneficios seguiron en auxe e os ricos están a volverse cada vez máis ricos a expensas da clase obreira.Tomemos outro exemplo aínda máis rechamante: a globalización. O esmagador dominio do mercado mundial é a manifestación máis importante da nosa época, e isto suponse que é un descubrimento recente. De feito, a globalización foi predita e explicada por Marx e Engels hai máis de 150 anos. No entanto, cando o Manifesto foi escrito, non había practicamente ningún dato empírico para sustentar tal hipótese. A única economía capitalista realmente desenvolvida era Inglaterra. As industrias nacentes de Francia e Alemaña (que non existían como unha entidade unida) aínda estaban protexidas detrás de altos muros arancelarios -un feito que é convenientemente esquecido hoxe, cando os gobernos e economistas occidentais lanzan duros sermóns ao resto do mundo sobre a necesidade de abrir as súas economías-.A escala mundial, os resultados da globalizada "economía de mercado" son horribles. No 2000 as 200 persoas máis ricas tiñan tanta riqueza como os 2.000 millóns máis pobres. Segundo cifras da ONU, 1.200 millóns de persoas están a vivir con menos de dous dólares ao día. Destes, oito millóns de homes, mulleres e nenos morren cada ano porque non teñen diñeiro suficiente para sobrevivir. Todo o mundo está de acordo en que o asasinato de seis millóns de persoas no Holocausto nazi foi un terrible crime contra a humanidade, pero aquí temos un Holocausto silencioso que mata oito millóns de persoas inocentes cada ano e ninguén ten nada que dicir respecto diso.Xunto á miseria e o sufrimento humano máis espantosos hai unha orxía de enriquecemento obsceno e ostentación. En todo o mundo hai na actualidade 945 multimillonarios cunha riqueza total de 3,5 billóns de dólares. Moitos son cidadáns de estadounidenses. Bill Gates ten unha fortuna persoal estimada duns 56.000 millóns de dólares. Warren Buffet non vai moi por detrás con 52.000 millóns. Agora, eles fachandean de que esta riqueza indecorosa está a estenderse a "nacións máis pobres". Entre os súper ricos hai 13 chineses, 14 indios e 19 rusos. E isto suponse que é motivo de celebración!Loita de clasesO materialismo histórico ensínanos que as condicións determinan a conciencia. O problema é que a conciencia está atrasada detrás da situación obxectiva, as organizacións de masas están atrasadas tras esta e, por riba de todo, os líderes da clase obreira están máis atrasados que nada ou ninguén. Esta é a maior contradición do período actual. Debe ser resolto, e será resolto.Os idealistas sempre presentaron a conciencia como a forza motriz de todo o progreso humano. Pero mesmo o estudo máis superficial da historia amosa que a conciencia humana sempre tende a quedar tras os acontecementos. Lonxe de ser revolucionaria, é innatamente e profundamente conservadora. Á maioría da xente non lle gusta a idea do cambio, e menos aínda a dunha convulsión violenta que transforme as condicións existentes. Eles tenden a aderirse ás ideas familiares, as institucións coñecidas, a moral tradicional, a relixión e os valores da orde social existente. Pero dialecticamente, as cousas transfórmanse no seu contrario. Tarde ou cedo, a conciencia porase en sintonía coa realidade dunha forma explosiva. Iso é precisamente o que é unha revolución.O marxismo explica que en última instancia, a clave de todo desenvolvemento social é o desenvolvemento das forzas produtivas. Mentres a sociedade avanza, é dicir, mentres sexa capaz de desenvolver a industria, a agricultura, a ciencia e a tecnoloxía, é vista como viable pola gran maioría da xente. Baixo tales condicións, homes e mulleres xeralmente non cuestionan a sociedade existente, a súa moralidade e as súas leis. Pola contra, son vistas como algo natural e inevitable: tan natural e inevitable como a saída e a posta do sol.Grandes acontecementos son necesarios para permitir ás masas sacudirse a pesada carga da tradición, o hábito e a rutina e para que abrace novas ideas. Tal é a posición tomada pola concepción materialista da historia, que foi brillantemente expresada por Carlos Marx na súa soada frase "o ser social determina a conciencia". Necesítanse grandes eventos para pór ao descuberto a inconsistencia da vella orde e convencer ás masas da necesidade da súa completa destrución. Este proceso non é automático e leva tempo.No último período pareceu que a loita de clases en Europa era cousa do pasado. Pero agora, todas as contradicións acumuladas están a saír á superficie, preparando o camiño para unha explosión da loita de clases en todas partes. Mesmo en países como Austria, onde durante décadas a clase dominante trouxo paz social mediante reformas, están a prepararse acontecementos tempestuosos. Cambios repentinos e profundos están implícitos na situación.Cando Marx e Engels escribiron O Manifesto eran dous homes novos, 29 e 27 anos respectivamente. Estaban a escribir nun período de negra reacción. A clase obreira estaba aparentemente inmóbil. O Manifesto mesmo foi escrito en Bruxelas, onde os seus autores foran forzados a escapar como refuxiados políticos. E con todo, no momento no que O Manifesto Comunista viu a luz por primeira vez en febreiro de 1848, a revolución entrara en erupción nas rúas de París, e nos meses seguintes estendeuse como un lume arrasador a través de practicamente a totalidade de Europa.Estamos entrado nun período de máxima convulsión que durará algúns anos, similar ao período en España de 1930 a 1937. Haberá derrotas e reveses, pero baixo esas condicións as masas aprenderán moi rápido. Está claro, non debemos esaxerar: aínda estamos nos inicios dun proceso de radicalización. Pero está moi claro aquí que estamos a ser testemuñas do inicio dun cambio de conciencia das masas. Cada vez máis xente está a cuestionar o capitalismo. Está aberta ás ideas do marxismo dunha forma que non era o caso antes. No próximo período ideas que estaban confinadas en pequenos grupos de revolucionarios serán abrazadas con entusiasmo por millóns.Por conseguinte, podemos responder o señor Fukuyama desta maneira: a historia non terminou. De feito, apenas empezou. Cando as xeracións futuras boten a vista atrás á nosa actual "civilización", terán aproximadamente a mesma actitude que nós adoptamos cara ao canibalismo. A condición previa para a consecución dun nivel máis elevado de desenvolvemento humano é o final da anarquía capitalista e o establecemento dun plan racional e democrático de produción no cal os homes e as mulleres poidan asumir as súas vidas e o seu destino nas súas propias mans."Isto é unha Utopía imposible!", dirannos os supostos "realistas". Pero o que é absolutamente irreal é imaxinar que os problemas que encara a humanidade poden ser resoltos sobre a base do sistema actual, que trouxo ao mundo ao seu actual lastimoso estado. Dicir que a humanidade é incapaz de atopar unha mellor alternativa ás leis da xungla é unha monstruosa calumnia á raza humana.Mediante o aproveitamento do colosal potencial da ciencia e a tecnoloxía, liberándoas das monstruosas trabas da propiedade privada e o estado nacional, será posible resolver todos os problemas que oprimen o noso mundo e ameázano de destrución. A historia humana real só comezará cando os homes e as mulleres poñan fin á escravitude capitalista e dean os primeiros pasos cara ao reino da liberdade.Londres, 19 de novembro de 2010.Translation: Corriente Marxista Internacional (Spain)