O desastre que cambiou Galiza Galician Share Tweet "Todo sigue igual en Galicia". Esta é a mensaxe que o Partido Popular está pregoando a raíz dos resultados electorais das eleccións municipais do 25 de maio. Tanto Aznar como Fraga tratan de transmitir arreo a idea de que as eleccións demostraron que o apoio ó PP segue intacto e que, polo tanto, as masivas mobilizacións ocorridas foron un exercicio inútil. "Todo sigue igual en Galicia". Esta é a mensaxe que o Partido Popular está pregoando a raíz dos resultados electorais das eleccións municipais do 25 de maio. Tanto Aznar como Fraga tratan de transmitir arreo a idea de que as eleccións demostraron que o apoio ó PP segue intacto e que, polo tanto, as masivas mobilizacións ocorridas foron un exercicio inútil.Pero a realidade é completamente diferente. O Prestige fixo xirar o péndulo social á esquerda. Os cambios na conciencia do pobo traballador e da mocidade galegos son reais e de gran profundidade, malia que isto non se expresase electoralmente tanto como nos gustaría. Pero sendo verdade que os resultados electorais da esquerda e do BNG puideron ser mellores, non menos verdade é que a dereita levou un pau en Galiza que confirmou que continúa o seu declive.Crise no PPA primeira proba de que tralo Prestige as cousas non seguen igual foi a crise aberta no PP coa destitución de Cuíña a mediados de xaneiro. Cuíña foi partidario de sumarse á histórica manifestación do 1 de decembro en Santiago e esa mesma tarde, nun Consello extraordinario da Xunta, pediu que se asumise a xestión da catástrofe e se marcasen distancias co Goberno central. Cuíña tamén promoveu o voto favorable do PP no Parlamento autonómico á constitución dunha comisión de investigación, abortada máis tarde por Aznar.Todo iso ten a súa lóxica. Cuíña e compaña necesitan o poder a calquera prezo porque é a fonte dos seus privilexios, e farán o que consideren máis conveniente en cada momento para mantelo. Xa a mediados de decembro, Baltar, un home de Cuíña, consensuara co PSdeG-PSOE e BNG na Deputación de Ourense unha durísima declaración, que leu en persoa perante os xornalistas, criticando a actuación do Goberno central na crise do Prestige. Por iso, entendendo que, naquela conxuntura, nas municipais de maio lles podería prexudicar permanecer demasiado pegados ó Goberno, optaron por desmarcarse. A proliferación de candidaturas "independentes" nas eleccións municipais, a maioría saídas do PP, responde a este mesmo proceso de fondo. E algo parecido vese estes días con Ruíz-Gallardón a raíz da trama inmobiliaria en Madrid.O cese de Cuíña e a conseguinte "rebelión" dos cinco deputados -que nin máis nin menos esixiron a dimisión de Palmou e ameazaron con abandonar o Parlamento e deixar a Fraga en minoría- demostran o nivel de nerviosismo dentro do PP galego durante eses meses. Tiñan medo a perdelo todo. É dicir, as fisuras dentro do PP foron producto dunhas perspectivas negativas (que en calquera organización sempre fan xurdir diferencias sobre cal debe ser o camiño a tomar).E vendo o nivel de mobilización que se estaba acadando, non era para menos ese temor. Xa antes do Prestige, Galiza estaba tendo un importante papel na mobilización social no Estado español: folga xeral en Galiza o 15 de xuño de 2001, loita contra a LOU, folga xeral do 20 de xuño do ano pasado... A isto sumóuselle o do Prestige, e a todo sumóuselle a guerra imperialista contra Iraq. Por tanto, había unha base material na sociedade para pensar nun xiro electoral importante o 25-M. Pero o certo é que ese xiro só foi parcial. O illamento social da dereita é moito maior do que evidencian os resultados electorais. Por iso a pregunta que hai que contestar é esta: ¿Por que esta situación social obxectiva favorable á esquerda non se expresou completamente no terreo electoral?Os resultados electoraisO primeiro que hai que dicir é que o castigo electoral ó PP -que só viu reflectido timidamente o seu retroceso real- foi moito máis pronunciado do que afirman os seus voceiros e do que unha ollada superficial ós resultados pode transmitir. De feito, os votos de PSOE e BNG superan ós do PP: o 46'5% fronte ó 41'5%, diferencia que equivale a uns 100.000 sufraxios. Isto significa que de ser unhas eleccións autonómicas o PP perdería a Xunta.Para contrarrestar esta realidade, o PP esforzouse en presentar os seus resultados electorais en Muxía -onde manteñen a alcaldía- ¡como mostra do seu "trunfo" no conxunto de Galiza! E para reforzar esta idea, espallou outra: o retroceso electoral do BNG, que sería producto do seu papel na mobilización contra a marea negra. A perda das alcaldías de Vigo e Ferrol ou da maioría absoluta en concellos como Fene ou Corcubión e a baixada na Costa da Morte simbolizarían ese suposto retroceso, que en realidade non foi tal: o BNG gañou votos nestas eleccións (aínda que tamén é verdade que o PSOE subiu algo máis). En calquera caso, o importante é que, analizando polo miúdo os datos electorais, percíbese claramente a derrota sufrida polo PP.Cidades, vilas e aldeasNa vida social e política, os concellos medios e, sobre todo, as cidades teñen unha relevancia infinitamente máis importante cós concellos rurais. En realidade, son as cidades as que marcan o ritmo dos acontecementos e o camiño que posteriormente tomará o conxunto dun país. O mundo rural só pode ir a remolque do mundo urbano. Esta análise non responde a ningún prexuízo, é unha realidade sociolóxica constatada.Se tan só observásemos o número total de alcaldías de cada partido, sen considerar o tamaño dos concellos, os resultados levaríannos a un equívoco, xa que o PP mantén dous tercios das mesmas. Pero considerando o tamaño dos concellos, o resultado é ben diferente: o PP só goberna no 41% dos 58 concellos de máis de 10.000 habitantes; pola contra, goberna no 73% dos de menos de 10.000. A poboación dos concellos galegos gobernados polo PSOE e o BNG supera á poboación dos gobernados polo PP.Comparando os resultados coas anteriores municipais, compróbase tamén o retroceso do PP nos concellos grandes e medianos: gaña concelleiros en 12 (20'7%), mantense noutros 12 e pérdeos en 34 (58,6%).Precisamente nas cidades foi onde máis claramente se expresou o castigo ó PP. O PP retrocede nas sete grandes cidades, nas que a esquerda avantaxa ó PP ¡¡en 23'5 puntos porcentuais!!, o 55'75% fronte ó 32'29%. Aínda que é verdade que recuperou Ferrol, o PP esnafrouse nas dúas grandes apostas que facía (Vigo e Lugo). Pero moi significativamente, o PP tamén retrocedeu en moitos concellos de máis de 10.000 habitantes.Un bo exemplo de todo isto é a provincia de Lugo. A cara de Cacharro Pardo a noite electoral o dicía todo. O PP non só era arrasado polo PSOE en Lugo capital e perdía a maioría absoluta en Viveiro, Ribadeo ou Monforte, senón que pasou a ser o segundo partido en concellos como Guitiriz, A Fonsagrada ou Sarria. A diferencia de 40.000 votos entre o PP e a esquerda en 1999 reduciuse a 5.000 o 25 de maio. O PP nin sequera obtivo a maioría absoluta de votos na provincia.Esta é a verdadeira correlación de forzas que existe en Galiza. Todo o vivo da sociedade rompeu decisivamente co PP. A dereita conta case como único bastión cos concellos rurais. A súa base social fundamental é a poboación rural envellecida, os sectores máis inertes do país. E hai que ter en conta as fórmulas tan "democráticas" coas que o PP enche as urnas nas aldeas (clientelismo, carrexo de votantes, enganos, presións..., en ocasións coa sempre inestimable axuda da Igrexa). Ademais, tamén están a falta absoluta de limpeza do voto emigrante ou as dificultades para que os mariñeiros que estean navegando poidan votar. A Costa da Morte Como xa dixemos, o PP presenta os seus resultados na Costa da Morte como a proba do seu "éxito" electoral en Galiza.É certo que logra manterse na Costa da Morte. Na ducia de concellos desta área, o PP obtén 312 votos máis ca en 1999. Pero o PSOE tamén aumenta 810 votos. O resultado é que o PP gaña concelleiros en 4 concellos, pérdeos en 7 e mantense en 1, mentres o PSOE gáñaos en 6 e pérdeos noutros 6. O BNG, pola súa banda, gaña concelleiros en 3 concellos e pérdeos en 9.Na Costa da Morte, a dereita logrou mercar a paz social temporalmente a través das subvencións, o control sobre o reparto de indemnizacións e o anuncio dunha chuvia de diñeiro, cal novo maná, da man do Plan Galicia, que en realidade só é unha reasignación de partidas, ou sexa, pura propaganda. Ademais, a brutal campaña do PP acusando á Plataforma Nunca Máis de crear alarma social e prexudicar a venda de marisco (?) tamén tivo certo efecto. Non obstante, Fraga viuse obrigado a ir tres veces a Muxía durante a campaña electoral, para controlar a situación.Pero se analizamos os 33 concellos contaminados pola marea negra (excluíndo as cidades) e os comparamos coas anteriores eleccións, o resultado é diferente: o PP perde o 3'7% dos votos, mentres PSOE e BNG aumentan o 7'7% e o 10'5% respectivamente.A situación obxectiva e as elecciónsAs eleccións danlle o mesmo "peso" a tódolos individuos, independentemente do seu peso social. O voto dun dirixente veciñal con autoridade como para poñer en pe de guerra un barrio ou todo un concello vale tanto coma o voto dun ancián de oitenta anos dunha aldea remota. Mentres que o terreo da mobilización social pon de manifesto a incapacidade da dereita para mobilizar e o seu illamento e debilidade, as eleccións agachan notablemente esta realidade. Por iso o mellor terreo para a dereita é o electoral.E por iso mesmo os marxistas cremos que as eleccións non son ningunha proba definitiva, senón que só son un espello imperfecto que reflicte parcialmente o estado de ánimo da sociedade nun momento dado. Crer, desde posicións de esquerda, que a actividade política máis importante é a electoral-institucional é un erro ó que Lenin lle puxo nome hai moitos anos: cretinismo parlamentario.Para os marxistas, o máis importante é a realidade. E a realidade fala de impresionantes mobilizacións de masas, de odio á dereita, de politización... Todo isto foi real, houbo un cambio real na conciencia. Poucas veces tíñamos presenciado unha situación tan favorable para a esquerda en Galiza. A politización, especialmente da mocidade, acadou niveis que non se vían desde a Transición. Por todos lados discutíase sobre o chapapote, a guerra, a política do goberno... Este estado de reflexión crítica non é para nada habitual. Moita xente nova ata entón desinteresada pola política participou activamente na loita por primeira vez. O ambiente incluso contaxiou a parte da base social da dereita. Durante varios meses pareceu que ninguén votara nunca ó PP. Respirábase un ambiente de desfeita electoral do PP. ¿Como foi posible que o PSOE e o BNG non tirasen moito máis proveito dunha situación así? ¿Por qué os resultados electorais foron un pálido reflexo desta situación social obxectiva?A responsabilidade dos dirixentes do PSOE e o BNGCon toda probabilidade, o carácter municipal destas eleccións fixo que toda unha serie de situacións de ámbito local influísen no voto, no senso de obstaculizar que o rexeitamento da política reaccionaria do PP se expresase con máis contundencia. Pero esto non é a explicación fundamental.A realidade demostra que decenas de milleiros de persoas en Galiza están profundamente descontentas co PP, pero as eleccións demostran que nin o PSOE nin o BNG lles entusiasman. Os escasos dous puntos porcentuais que aumentou o PSOE e o punto escaso que aumentou o BNG están claramente por baixo do que a situación obxectiva permitía. Só cabe unha explicación: a actuación do PSOE e BNG nos concellos que gobernaron estes catro anos non convenceu moito. E se a actuación municipal defraudou, é normal que agora non espertaran moito entusiasmo. (No caso do PSOE, tamén segue tendo un certo peso a política practicada nos trece anos de gobernos de Felipe González). É dicir, tanto a dirección política do PSOE como a do BNG teñen unha responsabilidade importante nos resultados do 25-M. Non poden botar balóns fóra co típico argumento de que a xente é parva e non sabe o que lle convén.A política municipal do PSOE-BNG non pasou de ser a clásica política reformista consistente en xestionar "o que hai", limitarse ó que é "posible". O problema é que, baixo o capitalismo, o "posible" tende rapidamente a cero nas épocas de crise do sistema capitalista, como a que actualmente padecemos. Ou peor: tende rapidamente a menos de cero, a recortes do gasto social e privatizacións (como fixeron non poucos alcaldes do PSOE e do BNG), co argumento de que "se o orzamento municipal redúcese, entón é inevitable recortar partidas en urbanismo, vivenda, cultura, servicios, etc.".En particular, a ralentización do ascenso do BNG estivo provocada polo xiro cara á "moderación" emprendido pola súa dirección (Acordo de Barcelona con CiU e PNV, coqueteo con empresarios galegos, abandono de calquera referencia ó socialismo, lúa de mel entre Beiras e Fraga...) e pola súa política municipal (por exemplo, a privatización de arredor de 200 servicios municipais durante o mandato de Castrillo en Vigo, a pesar da promesa feita durante a campaña das municipais de 1999. Entre os servicios privatizados destacan a recollida de lixo -cun importe de máis de 13 millóns de euros ó ano-, a xestión das escolas municipais de Música e Danza e da piscina de Teis, a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, a vixilancia do Museo de Castrelos, a limpeza do Concello, a recadación de impostos por vía executiva, a atención a mulleres maltratadas...). O BNG defraudou as expectativas, suspendeu a proba da práctica, o que cortou o proceso de transvase de votos desde o PSOE ó Bloque e incluso puido propiciar que votantes socialistas que en 1999 abandonaran este partido para votar BNG volveran a votar ó seu partido tradicional. Ademais, o perfil máis institucionalista do BNG contribuíu a esvaecer o seu atractivo entre a mocidade.Aínda que se presenta como "realista", esta política do "posible" é incapaz de rematar cos graves problemas que sufrimos os traballadores e a mocidade. Por iso nos concellos gobernados pola esquerda seguen faltando equipamentos sociais, bótanse en falta actuacións decididas para paliar o problema da vivenda, segue habendo problemas de transporte, alumeado ou recollida de lixo, etc. Esta é a principal explicación do modesto avance electoral do PSOE e o BNG o 25-M.A bancarrota do reformismoA clave da actual situación política é que non hai unha correspondencia mecánica entre, por unha banda, o aumento do nivel de conciencia -a disposición á loita dos traballadores e a mocidade, a elevación do seu nivel de comprensión sobre como funciona o capitalismo, o papel do Estado, a auténtica natureza da dereita, etc.- e, pola outra, a capacidade das direccións da esquerda para conectar con ese ambiente. Os dirixentes do PSOE e do BNG demostraron que, a día de hoxe, non son capaces de que a realidade vivida nos últimos meses, co PP socialmente acurralado, teña unha expresión non xa militante, senón nin sequera electoral. É evidente que non están á altura das circunstancias.Os dirixentes do PSOE o teñen sobradamente demostrado. Só hai que pensar en Zapatero, que o único que fai é ofrecerlle pactos ó PP. O último e lamentable exemplo da confusión da esquerda témolo na liorta na Comunidade de Madrid. Todo sinala a unha implicación activa de elementos destacados do PP na trama para frustrar a victoria da esquerda nas autonómicas madrileñas. O cese de Bastarreche esta mesma semana é unha boa proba. Pero dito isto, a pregunta é: ¿cómo é posible que nas listas dun partido de esquerdas vaian mercenarios da índole de Tamayo? Isto non é responsabilidade do PP, senón dos dirixentes do PSOE. A isto chegouse porque hai anos que abandonaron calquera perspectiva de transformación social profunda, asumindo completamente as regras de xogo da dictadura do mercado. Convertendo o partido nun mero instrumento de xestión do sistema, a dirección do PSOE creou as condicións para que a moral burguesa penetrase fondamente nas súas estructuras. Seica a vella aspiración socialista de emancipación da clase obreira se ten convertido para algún nunha aspiración a emancipar á clase obreira "de un en un e empezando por min mesmo".E os dirixentes do BNG, lamentablemente, parecen estar tirando conclusións equivocadas dos resultados electorais porque reafírmanse no carácter interclasista do Bloque e no seu desexo de fuxir da dialéctica dereita-esquerda en favor do "nacionalismo". Facendo unha análise empírica, parecen interpretar que foi a imaxe máis moderada do PSOE o que posibilitou que mellorase electoralmente máis có Bloque. Así, entenden que o BNG debe profundar na súa particular viaxe ó centro, de cara a disputarlle incluso parte do seu electorado ó PP. Pero a realidade é xustamente a contraria. O espectacular avance electoral do BNG nos últimos anos foi debido a dous factores: 1) En comparación co PSOE, a imaxe e o perfil ideolóxico que ofrecía o BNG eran vistos como máis de esquerdas e máis belixerantes co PP. 2) Mentres os dirixentes do PSOE movíanse nunha ambigüidade que non deixaba claro se preferían a Fraga ou a Beiras de presidente da Xunta (aínda que Paco Vázquez sempre o tivo claro: prefire a Fraga), o BNG situou moi correctamente a Fraga como o inimigo a bater e deixou ben claro que, de non obter o PP a maioría absoluta nas eleccións, garantía o seu desaloxo do poder. Estes dous factores permitíronlle ó Bloque arrebatarlle decenas de milleiros de votantes ó PSOE, como evidencian os resultados nas autonómicas (ver cadro). Evolución de escanos nas eleccións autonómicas 1981 1985 1989 1993 1997 2001 PSdeG 16 22 28 19 15 17 BNG 3 1 5 13 18 17 Total 19 23 33 32 33 34 A esquerda e o BNG teñen que cambiar de orientación e retomar un programa netamente anticapitalista. A única forma de avanzar, tamén electoralmente, consiste en aplicar unha política en beneficio da clase obreira, a mocidade e os demais sectores desfavorecidos. Só así conseguirán mobilizar a súa base, tanto nas eleccións como (moito máis importante) nas rúas. Nun contexto de crise orgánica como a que actualmente sufre o capitalismo, xestionar o sistema significa xestionar recortes. A política dos actuais dirixentes é un reformismo sen reformas, ou mellor dito, un reformismo con contrarreformas.‘A necesidade exprésase a través do accidente' (Hegel)En Galiza presenciamos un profundo cambio. Nada será igual que antes. A sacudida da sociedade galega ante esta marea negra é unha demostración excelente de como inflúen os grandes acontecementos no proceso de toma de conciencia dos traballadores e a mocidade. O Prestige marca un antes e un despois na conciencia colectiva do noso pobo.O accidente do Prestige converteuse no accidente, no sentido filosófico dialéctico, que expresou a necesidade. Os marxistas xa víñamos analizando que os cambios sociolóxicos en Galiza -enorme diminución da poboación rural; aumento da poboación urbana; movemento migratorio interno desde o interior ó litoral de A Coruña e Pontevedra e despoboamento das provincias de Lugo e Ourense; aparición dunha incipiente proletarización no campo e zonas costeiras atrasadas, ben pola introducción de formas puramente capitalistas no sector primario (piscifactorías, grandes granxas) ou polo traballo da xente nova na industria, a construcción ou os servicios; etc.- inevitablemente terían repercusións políticas, no senso de ir minando a base social do PP. Incluso non desbotamos que isto se fose materializar nas autonómicas de 2001. Non foi así, pero si que nos últimos 18 meses a sociedade galega viviu fenómenos que rompen esquemas. A estereotipada e falsa imaxe do pobo galego como un pobo ignorante, conservador e submiso estase derrubando ante as impresionantes mobilizacións acontecidas no noso país.Para empezar, o movemento obreiro galego foi o único en protagonizar unha folga xeral en resposta ó decretazo de reforma laboral de marzo de 2001. Isto foi seguido, uns meses máis tarde, dunha auténtica explosión xuvenil na loita contra a LOU, que en Galiza acadou o máximo nivel do Estado, a tan só quince días dunhas eleccións autonómicas nas que o PP revalidou a súa maioría absoluta, do que algúns dirixentes do BNG culparon ó pasotismo e a abstención da mocidade. Tamén no 20-J houbo manifestacións multitudinarias, e a celebrada en Vigo foi das meirandes do Estado. E para rematar de confirmar todo isto, o Prestige, unha explosión social que reflicte un cambio na tradicional actitude ante os problemas -resumida niso de "o galego non protesta, emigra"- e que espertou á participación política a amplas capas da poboación. Nada será igual a partir de agora.Os efectos políticos do ‘Prestige'Un terremoto social de tal magnitude non podía deixar de ter consecuencias internas nas organizacións políticas porque, en derradeira instancia, os seus procesos internos están determinados polos procesos na sociedade.No caso da dereita, hai que ter en conta as súas tradicións. A dereita no Estado español sempre foi unha dereita miserable, sen visión a longo prazo e que antepón os intereses particulares ó proxecto político. Esta é unha debilidade histórica da burguesía do Estado español, que xamais conseguiu dotarse dun partido unificado. Pódense unir circunstancialmente, cando os intereses das partes coinciden; pero cando non coinciden, disgréganse. Durante os anos trinta do século pasado, incluso o nome do principal partido da dereita reflectía este fenómeno: Confederación Española de Dereitas Autónomas. Na Transición, a hecatombe da UCD deu lugar á formación de numerosas formacións burguesas de corte rexionalista ou provincialista ´por todo o Estado, incluída Coalición Galega. E ocupando xa a Moncloa, o PP sufriu a escisión "asturianista" de Sergio Marqués. Cuíña e os seus teñen demostrado que non lles gustan as interferencias no seu "feudo". A isto é ó que se referían os cinco deputados autonómicos ourensáns cando falaron de que se estaba diluíndo a "identidade galeguista" do PP. Ata agora, o peso específico de Fraga mantivo a cohesión, pero o futuro non promete moito. Cuíña aspira a suceder a Fraga, pero se a súa estratexia non lle dá resultado e isto se combina cun declive do PP, a idea dunha formación nacionalista burguesa a imaxe e semellanza de CiU ou o PNV (aínda que obviamente moito más feble) podería abrirse camiño rapidamente entre algúns sectores do PP galego e conducir a unha escisión.No caso do PSOE, está claro que Paco Vázquez acabará por darlle un disgusto serio ó seu partido, aínda que a proximidade das eleccións xerais da primavera de 2004 enmascarará temporalmente as contradiccións existentes.E polo que respecta ó BNG, se os seus dirixentes seguen xirando á dereita, aumentará o malestar entre as súas bases, sociolóxica e politicamente de esquerdas. En tal contexto, un mal resultado electoral pode actuar como detonante das tensións de clase latentes no seo do BNG. Tampouco se pode descartar que ese detonante for unha escisión "galeguista" no PP, que abriría un proceso de diferenciación política entre o sector do BNG que anteporía o aspecto nacional (dándolle relevancia ó carácter nacional desa escisión) e o sector que anteporía o aspecto de clase (dándolle, correctamente, máis importancia ó seu carácter político reaccionario e considerando secundario o demais).En calquera caso, independentemente de cal sexa a causa inmediata, no seo do BNG -como en calquera outro movemento nacionalista que conte cunha base de masas entre os traballadores- tal proceso de diferenciación política interna é inevitable. A razón é que a contradicción principal da sociedade é a contradicción de clase, a contradicción entre burguesía e proletariado, que sempre remata por impoñerse a calquera outra contradicción.As futuras consecuenciasTodo o acontecido é unha importante escola para centos de milleiros de traballadores e mozos, marca a toda unha xeración. Como dixo Lenin, "vale máis unha onza de experiencia ca unha tonelada de teoría". E a experiencia proporcionada polo Prestige é moi rica e variada.Algúns aspectos xa se tratan noutros textos deste documento: a incompetencia do Estado burgués, as conexións entre Goberno e empresarios ou o papel da Monarquía (que na súa segunda visita volveu a insistir na idea de deixar de lado as diferencias políticas, ou sexa, volveu a botarlle unha man ó PP). Pero hai outros.Por exemplo, a importancia da mobilización. Non só desde a perspectiva do proceso xeral de avance cara á transformación da sociedade, senón tamén como vehículo para obter cousas concretas. Valla como exemplo o afastamento do corredor marítimo de Fisterra, anunciado en datas recentes. O que durante moito tempo díxose que era inviable por razóns técnicas, agora resulta que si é posible. Queda claro cales eran esas razóns "técnicas": os sete millóns de euros que custarán os novos radares. O PP tiña outras prioridades para gastar eses cartos, pero a presión social levouno a mudar de opinión porque necesita recuperar a falsa imaxe de "eficacia" que vendía antes do Prestige.Outro aspecto é o papel dos medios de comunicación burgueses. Algúns, como El Correo Gallego, tiveron claro desde o primeiro momento por quen apostaban. Outros quixeron aparentar. Cando nas primeiras semanas do desastre oíanse moitas críticas ó papel dos medios de comunicación, algúns articulistas de La Voz de Galicia queixábanse amargamente de que se fixese un totum revolutum, porque o seu xornal estaba demostrando "compromiso con Galiza". Agora vese claramente que ese compromiso duroulle pouco, ou sexa, que hai compromisos máis importantes. No sistema capitalista, tamén os medios de comunicación teñen un carácter de clase. De feito, os grupos mediáticos existentes -propietarios de xornais, televisións, radios- son grandes empresas rexidas cos mesmos criterios empresariais de obtención do máximo beneficio e explotación dos seus traballadores que calquera outra empresa. Os medios de comunicación, por tanto, forman parte do sistema e a súa auténtica misión é difundir os puntos de vista da clase dominante e enganar ós traballadores e xoves. A prensa independente ou imparcial non existe; existen unha prensa burguesa e unha prensa obreira.Así mesmo, quedou claro para moita xente o papel do aparato represivo do Estado. Vimos actuacións policiais absolutamente represivas, abusivas e antidemocráticas, como a que sufriu un manifestante solitario en Chantada durante unha visita de Fraga á vila.Outro aspecto que cabe destacar é que a dereita revelou moi nitidamente a súa auténtica natureza. Centos de milleiros de galegos sentímonos ofendidos por declaracións como as de Aznar, acusando ós que criticaban a xestión gobernamental de "ladrar su rencor por las esquinas" e de estar manipulados, sentímonos escandalizados pola multa por ofensas á autoridade que se lle impuxo (aínda que logo foi retirada) a unha rapaza por berrarlle a Fraga na rúa "cabrón, vai limpar chapapote" e sentímonos indignados polas mentiras, a censura e a manipulación informativas, propias dunha dictadura. Na súa desesperación, o PP incluso intentou vencellar a Nunca Máis co terrorismo, demostrando unha vez máis a utilización interesada que fai o PP deste tema. Mayor Oreja acusou a Nunca Máis de "batasunizar" Galiza, co argumento (por chamalo dalgunha maneira) de que... ¡a insatisfacción conduce á violencia! Ou sexa, non estar satisfeito co Goberno do PP o converte a un en sospeitoso. E sentímonos ofendidos, escandalizados e indignados, todo de vez, porque a Xunta condecore a Álvarez-Cascos.A loita contra a LOU, a folga xeral contra o decretazo, o Prestige, a agresión imperialista contra o pobo iraquí (e suma e segue, como a reintroducción da relixión nos planos de estudos) sacáronlle definitivamente ó PP a careta centrista, demostraron que é a dereita pura e dura, a dereita de sempre: reaccionaria, autoritaria, prepotente, mentireira, desprezativa, en suma, dignos herdeiros do franquismo. Ó cabo, os actuais gobernantes son fillos e netos dos do réxime franquista, e antes ou despois lles tiñan que aflorar os xenes. O verdadeiramente importante desto é que permite que a mocidade aprenda a través da súa experiencia o que realmente significa a dereita, facendo así súa a memoria histórica da clase obreira que coñeceu a dictadura franquista e os gobernos dos primeiros anos da Transición, cando Fraga clamaba "la calle es mía".E hai que decatarse de que o tema está lonxe de ter rematado, como demostra a continua chegada de chapapote ás praias, a pesar da conspiración de silencio mediática para dar unha sensación de "normalidade". Ademais, a opción elixida para extraer o combustible que segue nos tanques do Prestige é cuestionada nun recente estudo científico realizado por tres físicos do CIEMAT (Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas), que din que o 30% do fuel permanecerá no barco afundido e seguirá saíndo a razón de 1 tonelada diaria durante os vindeiros vinte anos. ¡Por un programa autenticamente socialista! Os marxistas estamos convencidos de que tódalas ensinanzas destes acontecementos, unha vez asimiladas, terán sen lugar a dúbida efectos políticos decisivos no futuro. A nova situación social aberta é mil veces máis importante cós resultados electorais. Tras anos de relativa calma social, os ventos da loita de clases volven a zoar en Galiza, no resto do Estado e en todo o mundo. Unha nova xeración de militantes estase curtindo nos centros de estudo e traballo. A clase obreira volve a tensar os seus músculos, farta de retrocesos e dos continuos ataques que sufre a mans da burguesía. Pero conectar cos amplos sectores sociais que están empezando a cuestionar o actual estado de cousas esixe unha perspectiva de transformación da sociedade. Unha acción política que teña por obxectivo aumentar os niveis de vida e resolver os graves problemas que hoxe afronta o mundo debe dar pasos en dirección á ruptura co capitalismo.É necesario un programa de creación de empregos dignos, de mellora dos servicios sociais, de construcción masiva de vivendas públicas, de municipalización do chan, de caixas de aforro rexidas con criterios de xestión social, etc. Esto é perfectamente posible porque hai medios e cartos suficientes. O problema é que eses medios e cartos están en mans duns poucos. Esto é o que hai que cambiar, a riqueza existente -creada polo traballo da clase obreira- ten que destinarse a satisfacer as necesidades sociais. O único xeito de lograr isto é expropiando ós capitalistas a través da nacionalización da banca e dos monopolios, a fin de planificar a economía democrática e racionalmente baixo control dos traballadores. Este é o programa que necesita a esquerda: un programa autenticamente socialista. Por desgracia, os dirixentes do PSOE e do BNG están lonxe de defendelo.A mobilización social vivida en Galiza non é un proceso illado, forma parte dun proceso mundial de crecente contestación ás agresións do capital, de protesta contra a fame, a precariedade laboral, a carestía da vivenda, os recortes sociais, os ataques ós dereitos democráticos, o deterioro ambiental. A revolución en Venezuela, a victoria de Lula en Brasil, as revoltas populares en Ecuador, Arxentina, Perú ou Bolivia; o rexurdimento da loita obreira en toda Europa (Estado español, Italia, Francia, Austria, Grecia, Alemania...); a mobilización mundial contra a guerra de Iraq..., todo responde a unha mesma causa de fondo: a existencia do capitalismo. A resposta social na nosa terra por mor do Prestige foi un expoñente privilexiado deste proceso mundial. E, lonxe do que se está transmitindo, a hexemonía do imperialismo estadounidense non vai axudar a resolver os males do sistema, máis ben ameaza con agravalos, como se ve en Iraq, onde a menos de tres meses da "victoria" xa hai síntomas claros dunha guerra de liberación nacional contra o ocupante.O próximo período, marcado pola conflictividade social e a crise económica, porá a proba programas e organizacións, demostrando dun xeito aínda máis evidente a incapacidade do reformismo para solucionar os problemas da humanidade e axudando ó avance das ideas revolucionarias entre amplos sectores da clase obreira e da mocidade. Pero para que as ideas se convertan nunha forza material necesítase organización. Só o aumento da organización en torno ás ideas do marxismo, só a construcción dunha poderosa corrente marxista garantirá que se faga realidade o único que pode transformar o mundo: unha Federación Socialista Mundial. ¡Únete ós marxistas de EL MILITANTE para loitar pola revolución socialista!11 de xullo de 2003