Desastre do PPrestige Desastre do capitalismo Galician Share Tweet Mexan por nós... pero temos que dicir ¡basta! Desde o inicio do desastre do Prestige, o PP tomouse o tema á lixeira. Tan á lixeira, que Fraga, Álvarez Cascos e os seus séquitos (conselleiro de Medio Ambiente incluído) se foron de cacería mentres o Prestige espallaba fuel polas costas galegas, confiando, como dixo Fraga, en que “Dios y el apóstol Santiago nos ayudarán”. E así nos foi. Los responsables desta desfeita están no Goberno e na Xunta e deben dimitirMexan por nós... pero temos que dicir ¡basta! Desde o inicio do desastre do Prestige, o PP tomouse o tema á lixeira. Tan á lixeira, que Fraga, Álvarez Cascos e os seus séquitos (conselleiro de Medio Ambiente incluído) se foron de cacería mentres o Prestige espallaba fuel polas costas galegas, confiando, como dixo Fraga, en que “Dios y el apóstol Santiago nos ayudarán”. E así nos foi. O PP pasa A pesar das gravísimas consecuencias que pode supoñer unha marea negra, tanto o Goberno como a Xunta minimizaron o problema. E cando se lles foi das mans, estiveron máis preocupados de impedir que se coñecese a verdade que de facerlle fronte á catástrofe. As súas “solucións” foron do máis variopintas: desde trasladar o Prestige a augas portuguesas para que a responsabilidade pasase a ser de Portugal (así Aznar podería proclamar “había un problema y se ha solucionado”, pero, claro, Portugal non “tragou”) ata, como dixo Álvarez Cascos, “enviarlo al quinto pino”. Pero a solución a un buque que derrama petróleo non pode ser “colocarllo” ó veciño nin afundilo. A mar é de todos e non coñece fronteiras. Unha marea negra non desaparece por afastar o barco, nin moito menos porque Rajoy proclame oficialmente que non existe. A morea de mentiras do PP, como xa fixeron na folga xeral do 20 de Xuño, dá para escribir un libro: non había marea negra, as Rías Baixas non terían problemas, acusar a Fraga de andar de cacería era unha patraña, do barco afundido non saía fuel, o Exército axudaba desde os primeiros momentos, había medios suficientes... todo estaba controlado. Tentaron de agachar a realidade con actuacións dignas do franquismo, impoñendo unha censura informativa na TVG e en TVE-Galicia, como denunciaron os respectivos comités de empresa, limitando severamente a información e manipulando as televisións públicas ó seu antollo. Estes feitos tamén demostran o rápido que o PP bota pola borda as súas “conviccións democráticas” cando os seus intereses están en xogo, e son outra proba máis de que a dereita que sufrimos é a dereita autoritaria e caciquil de sempre. Pero non só quedou clara a verdadeira natureza do PP, tamén Juan Carlos I quedou en evidencia. ¿Que quería dicir o monarca cando en Muxía se dirixiu ós xornalistas pedíndolles que cesasen as fotos demagóxicas? ¿Acaso que non lle sacasen fotos a el? Máis ben que non sacasen fotos que desmentiran a versión oficial, que foi a que veu defender. De feito, a súa visita pareceu un acto do PP porque o seu discurso foi exactamente o discurso de Aznar e de Fraga. A visita de Juan Carlos I á Costa da Morte deixa en evidencia o auténtico carácter da monarquía: unha institución reaccionaria que quere aparecer como “apolítica”, ó marxe dos conflictos entre as clases, co obxectivo de estar en mellores condicións de defender á actual clase dominante e o seu sistema. O resultado da xestión do PP está á vista: unha marea negra sen precedentes que se estende por milleiros de quilómetros de costa, desde Portugal ata Francia, nunha auténtica catástrofe ecolóxica, económica e social que vai ter consecuencias gravísimas durante anos para decenas de milleiros de familias galegas que directa ou indirectamente viven do marisqueo e a pesca. Pero a máxima preocupación do PP parece ser atopar a quen botarlle a culpa. Primeiro foi Xibraltar, despois o capitán do barco, máis tarde o práctico danés que conduciu o Prestige polo mar Báltico, agora o remolcador... como sigan así acusarán a Bin Laden. Pero os responsables desta desfeita están no Goberno e na Xunta e deben dimitir todos. En Galiza, ademais, deben celebrarse novas eleccións autonómicas. As medidas necesarias Nesta situación, que ademais aínda pode agravarse, non caben medias tintas. En primeiro lugar, hai que eliminar o perigo que supón un Prestige do que están manando diariamente 125 toneladas de fuel. De non ser así, poderíamos enfrontarnos á máis horrible das perspectivas: unha repetición periódica de mareas negras provenientes dos seus tanques. Por máis custoso que sexa, tanto en cartos como en esforzos, hai que eliminar canto antes e definitivamente ese foco contaminante. Ademais, hai que garantir tódolos recursos necesarios para limpar e posteriormente recuperar os tramos de costa afectados no prazo máis breve posible. Non hai que esquecer que científicos afirman que entre os compoñentes do fuel hai axentes canceríxenos e que poden provocar mutacións xenéticas. En segundo lugar, todo o litoral debe ser declarado zona catastrófica e debe haber axudas económicas por tempo indefinido para tódolos afectados, directos ou indirectos, pola marea negra ata que a situación se restableza ou encontren un posto de traballo digno. Ademais do subsidio económico, deben quedar exentos de pagos como as taxas universitarias dos seus fillos, etc. En terceiro lugar, hai que esixir un dispositivo público de salvamento marítimo nun porto galego coa suficiente dotación humana e cos medios máis potentes e modernos, que permitan unha actuación rápida e efectiva perante estas situacións. Neste sentido, todos oímos a Cascos anunciando unha demanda contra Remolcanosa acusándoa de atrasar o rescate mentres negociaba co armador do Prestige a tallada que ía obter, a pesar de ter un contrato de exclusividade coa Administración. ¿Alguén pode estrañarse? ¿Pode esperarse outra cousa dunha empresa privada? Hai que esixir a nacionalización inmediata e sen indemnización, excepto en caso de necesidade comprobada, de tódalas empresas relacionadas coa prevención, rescate e limpeza marítimos. Tamén hai que tomar tódalas medidas necesarias para que o transporte marítimo de productos contaminantes se faga nas mellores condicións posibles, empezando polo dobre casco, para que esto non se volva a repetir nunca máis. Ademais, é necesario crear comisións de mariñeiros e mariscadores, que tamén conten con participación sindical, para encargarse de organizar e controlar tódalas tarefas (loita contra a marea negra, limpeza, avaliación de danos, axudas económicas necesarias, etc.), dada a absoluta incapacidade do Estado burgués, xa non só para evitar a marea negra: en O Grove, Ferrol, Malpica, Moaña, Ribeira... hai queixas polas actuacións de Tragsa, a empresa pública contratada pola Xunta para a limpeza, que van desde dificultar mesmamente esa limpeza ata prohibirlle ós veciños darlles alimentos ós voluntarios. Esta incapacidade é consecuencia da visión da dereita, para a que a Administración non é un instrumento ó servicio da sociedade, senón unha forma de garantir privilexios e bos soldos para eles e os seus cachorros. Por iso, para facer carreira na Administración Pública os méritos son o de menos; o importante é “de quen ves sendo”, aínda que sexas un incompetente e un inútil. Por exemplo, o presidente de Tragsa foi antes director xeral de Gandería, dimitido a raíz das vacas tolas e acusado de ter intereses no sector e de implicación no fraude do liño. Como se ve, todo queda “na casa”. É necesario depurar responsabilidades políticas e penais por esta catástrofe. Outro punto importante é quen vai pagar o custo de tódalas medidas necesarias. Debemos esixir que os cartos saian dos petos dos armadores, as petroleiras e a banca. Non podemos permitir que o PP, coa escusa desta catástrofe, recorte aínda máis os gastos sociais en educación, sanidade, desemprego, etc. Este desastre causárono os ricos e eles teñen que pagalo. ¿Un accidente imprevisible? Esta é a tese preferida do PP: o accidente foi imprevisible, non se puido facer máis do que se fixo, que ademais estivo esencialmente ben feito, e cando houbo algún fallo, pequeno, se corrixiu de inmediato. Pero a realidade é ben distinta. Nin as mareas negras nin os naufraxios son accidentes naturais. Moitas circunstancias inflúen decisivamente: o estado do buque, as condicións laborais da tripulación, o dispositivo de salvamento marítimo, etc. As bandeiras de conveniencia, os barcos en mal estado, as tripulacións sobreexplotadas, a privatización de servicios públicos, etc. veñen determinadas polo afán depredador dos empresarios, dos que o PP é o seu representante político. Unha vez máis demóstrase canta verdade hai nese lema coreado nas manifestación sindicais: “O público é servicio, o privado beneficio”. Por iso as primeiras horas, mentres o Prestige perdía fuel diante da Costa da Morte, foron un constante ir e vir de faxes entre as partes para fixar as condicións económicas do rescate, que ó depender de remolcadores privados estivo guiado pola obtención do máximo lucro. É como se os bombeiros fosen unha empresa privada e o empresario negociase cos veciños o prezo do servicio antes de intervir e mentres a casa se queima. ¿Que iso provoca desgracias? Tanto ten, o negocio é o primeiro. O servicio de salvamento marítimo ten que ser totalmente público guiarse por criterios de interese xeral. O PP chora bágoas de crocodilo polos mariñeiros, que xa tiñan perante si un futuro negro pola reforma do sector pesqueiro anunciada pola Unión Europea, que inclúe unha diminución brutal das capturas xa o ano que ven, reforma que, aínda que se agache detrás da máscara de “Europa”, responde á política da dereita europea, PP incluído. E por suposto, o único obxectivo dos armadores, é dicir, dos empresarios, será obter xenerosas subvencións por desfacerse de barcos, sen que lles importe nada o futuro dos seus traballadores. Seguro que o PP pensa que polo menos o accidente do Prestige será a escusa perfecta para acometer esta reconversión pesqueira. “Non hai mal que por ben non veña”, como dixo Fraga no debate das mocións de censura. Igualmente, as esixencias do PP sobre o dobre casco e demais son pura hipocrisía. O PP non para de reducir o sector naval. Defendeu a reconversión, recortou hai tres anos un tercio da plantilla da Bazán e non para de anunciar a privatización de Izar. ¿Como se pode argumentar que o sector naval está sobredimensionado cando é tan necesario modernizar a flota, cando a maioría dos petroleiros con pavillón español son monocasco? O PP pode dicir agora o que queira, pero como representante político dos empresarios antepón os beneficios das empresas ós intereses da inmensa maioría da sociedade. Exemplo desto é Remolcanosa: Cascos anunciou unha demanda, pero tan só 24 horas despois o BOE publicou, por orde do seu Ministerio, a renovación do contrato de Remolcanosa, por un importe de 1.337.000 € (máis de 200 millóns de pesetas). Un dos accionistas de Remolcanosa é Fernández-Tapias, un importante armador propietario de varios petroleiros, que curiosamente acompañaba a Fraga na famosa cacería. Demasiadas coincidencias (aínda que desta volta, como a cousa é moi gorda, alguén terá que ser sacrificado para tentar de salvagardar todo o tinglado). Por iso, aínda que a Administración é a que ten que garantir os medios imprescindibles para facerlle fronte a un problema así, é evidente que non o fai. Nin hai remolcadores coa potencia necesaria, nin barcos anticontaminación, nin suficientes quilómetros de barreiras, nin material de traballo... nada de nada, como dicían amargamente os mariñeiros. Esta é a consecuencia do credo neoliberal do PP, que defende o desmantelamento dos servicios públicos e que todo quede en mans da iniciativa privada. Non se pode argumentar, como fai o PP, que o accidente era impensable. Para empezar, lamentablemente xa van uns cantos. Pero que a pesar da intensidade do tráfico marítimo polas costas galegas non se dispoña dos medios necesarios para afrontar estas situacións non é ningunha casualidade. O conselleiro de Pesca, López Veiga, o dixo ben claro: “No podemos tener un barco especializado [anticontaminación] para un accidente que pueda haber cada diez años”. Se o PP fose coherente, disolvería o Exército. O trasfondo da resposta de López Veiga é evidente: ter un barco anticontaminación non dá beneficios nin é necesario para defender o actual sistema. Para eles, que sexa socialmente necesario é o de menos porque toda a política do PP está guiada polo criterio da rendibilidade económica, tanto desde o Goberno como desde a Xunta, tanto no que se refire ás mareas negras como en política educativa, sanitaria, laboral, de vivenda, etc; as necesidades sociais son o de menos. A dereita é o lacaio da burguesía: o seu único obxectivo é a defensa dos beneficios empresariais, tanto facilitándolles a explotación da clase obreira (reformas laborais) como poñendo á súa disposición (privatizacións, subvencións, exencións fiscais) os recursos económicos que o Estado obtén en gran medida dos impostos que pagamos os traballadores. Do único que realmente se laia o PP é de que a súa verdadeira natureza quedou ó descuberto e de que toda esta situación teña provocado unha marea de indignación contra el da mesma magnitude ca marea negra. O PP foi víctima das súas propias mentiras. Posto que proclamaba oficialmente que non había marea negra, tampouco podía adoptar medidas preventivas, porque sería unha contradicción que provocaría o que eles chaman “alarmismo”. Por iso, cando a segunda marea negra ameazaba con entrar na ría de Arousa, non había absolutamente nada previsto. Se non chegou a entrar non foi pola dilixente actuación dos responsables da Administración, senón porque o pobo da ría, cos mariñeiros á cabeza, tomou a iniciativa: construíron aparellos para recoller o fuel, fixeron barreiras con colchóns e edredóns, utilizaron todo tipo de recipientes para acumular o fuel recollido, organizaron as comidas e a limpeza da roupa de traballo e incluso recolleron o fuel coas súas propias mans, para impedir a calquera prezo que a marea negra entrase na ría arruinando o futuro de milleiros de familias. Dada a magnitude da desfeita, os enganos constantes do PP e a incompetencia dificilmente superable do Estado non é para menos a indignación existente, como se demostrou na multitudinaria asistencia á manifestación do día 1 de decembro en Santiago, que coincidiu cunha manifestación similar en asistencia celebrada en Sevilla contra o recorte dos dereitos dos xornaleiros agrarios. Todo esto, sumado á loita do curso pasado contra a LOU e á folga xeral do 20 de Xuño, está poñendo en evidencia o enorme malestar social existente coas políticas reaccionarias do PP. O movemento obreiro, protagonista da folga xeral, non debe quedar ó marxe das protestas contra a actuación do PP no caso do Prestige. En primeiro lugar, porque os traballadores do mar son un sector da clase obreira, e un dos sectores máis explotados. En segundo lugar, porque a actuación do PP explícase porque é un partido de dereitas, e como tal inimigo dos traballadores. Por iso os sindicatos deben convocar unha folga xeral de 24 horas en Galiza. Se queremos conseguir as nosas reivindicacións, hai que presionar o máximo posible. Agora é o momento: o PP está contra as cordas e hai que poñelo aínda máis; sería un erro darlle un respiro. O problema é o capitalismo O do Prestige é unha proba máis da dictadura do mercado, que sempre antepón os beneficios empresariais ó benestar das persoas e do medio ambiente. Mareas negras como esta, o cambio climático provocado polas emisións contaminantes que os grandes capitalistas se negan a reducir (como se ve claramente na negativa de EEUU a ratificar o Tratado de Kioto) e pola destrucción da Amazonia, o pulmón verde do planeta, pola voracidade das multinacionais madeireiras; a miseria, as doenzas e o sufrimento que non paran de estenderse convertendo a vida de centos de millóns de seres humanos nun inferno; a barbarie desatada polas guerras que asolan moitos países africanos, alentadas e financiadas por multinacionais que buscan controlar as materias primas; tódolos grandes problemas que hoxe afronta a Humanidade teñen un responsable: o capitalismo, que sumido nunha profunda crise cada vez provoca máis desolación. ¿Cómo é posible que en Arxentina –un país fértil, rico, culto e un dos maiores exportadores de carne e cereais do mundo– hoxe os nenos morran á fame? Non é por unha maldición divina nin pola corrupción dos gobernantes (que sempre foron corruptos), senón porque o sistema falla, o problema é o capitalismo, que se basea na propiedade privada dos medios de producción e na persecución do máximo beneficio para a burguesía. En Arxentina –igual que no resto do mundo– non hai falta de riqueza nin de comida, o que hai é unha distribución inxusta desa riqueza, que ademais cada vez se acumula en menos mans: as 200 persoas máis ricas do planeta acumulan tanta riqueza como o 48% da poboación mundial. Pero é evidente que esas 200 persoas non conseguen a súas riquezas co seu esforzo. Como sabemos de sobra os traballadores, traballando honradamente nunca ninguén se fixo rico. O que se enriquece é porque engana, minte, abusa, rouba, en definitiva porque explota a outras persoas e se apropia da riqueza que crean co seu traballo. Os marxistas pensamos que é imposible convencer ós capitalistas de que o seu comportamento é inxusto. Ningunha clase dominante renunciou nunca voluntariamente ós seus privilexios. Por tanto, hai que loitar contra eles, pero non só contra as consecuencias negativas do capitalismo; o problema é de fondo e global. Por iso as loitas parciais só son efectivas a longo prazo se se enmarcan dentro dunha loita mundial para rematar co sistema, para expropiar as multinacionais, a banca e os latifundios e poñer toda esa riqueza baixo o control democrático dos traballadores e explotados. A única maneira consecuente de evitar no futuro situacións como a creada polo Prestige é transformar a sociedade, rematar con este sistema bárbaro e inxusto que é a maior ameaza para o benestar e a saúde das persoas e do medio ambiente en todo o planeta. Outro mundo é posible, pero só co Socialismo Esto permitiría planificar democraticamente a economía e crear un novo sistema económico mundial xusto e solidario, unha Federación Socialista Mundial na que a utilización dos recursos se dirixa a satisfacer as necesidades económicas, sociais, culturais e medioambientais da inmensa maioría da Humanidade. Unha sociedade socialista na que a democracia será unha realidade, non como ocorre hoxe –onde incluso as democracias formais agachan unha férrea dictadura do capital– nin como ocorreu no pasado nos réximes estalinistas, nos que unha casta burocrática de funcionarios usurpou o nome do socialismo para defender os seus privilexios. Outro mundo é posible, e ademais é necesario, pero ninguén nolo vai regalar, temos que conseguilo entre todos. Os traballadores e a mocidade que participamos en EL MILITANTE estamos comprometidos na tarefa de construír un forte movemento marxista, en levar as ideas revolucionarias do marxismo ás organizacións dos traballadores para agrupar a milleiros de loitadores en torno ó programa da revolución socialista. Se estás en contra da barbarie capitalista, se rexeitas as agresións imperialistas, se estás a favor do internacionalismo, se queres loitar por un mundo socialista libre de opresión e baseado na democracia directa, loita connosco. ¡A defensa dos nosos dereitos só é posible coa loita organizada! ¡Únete ós marxistas de EL MILITANTE para loitar polo socialismo mundial!